Translate

segunda-feira, 18 de fevereiro de 2013

ERIN MOURE:

«A obra de Rosalía ten un valor poético no mundo de hoxe»
A canadense Erín Moure vén de verter ao inglés «Cantares Gallegos»
XESÚS FRAGA

A editora Small Stations Press, en colaboración coa Xunta, vén de publicar a versión inglesa de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. A tradución correu a cargo da poeta canadense Erin Moure (Calgary, Alberta, 1955), quen xa incorporara o galego á súa propia obra, en libros como O cidadán ou O cadoiro.

-¿Que pensou cando asumiu o reto de traducir a Rosalía?
-Sentinme moi honrada. Xa traducira un poema rosaliano para unha antoloxía que preparou Jonathan Dunne e desa experiencia xa sabía que se trataba dun reto enorme. Pensaba que despois de traducir catro libros de Chus Pato tiña os recursos e as habilidades para internarme nos poemas e no libro, e realmente escoitar a Rosalía, a súa música, absorber e reflectir a súa mestría, e crear unha versión inglesa que non domesticase os poemas.
-¿Que dificultades lingüísticas ou culturais atopou no orixinal?
-En efecto, os ritmos, as cadencias, o seu vocabulario, a densidade dos rexistros, os niveis que funcionan como música, que penetra a cabeza como música para trasladar o sentido, o tecido do sentido... hai moito reto nesta obra. Decidín non usar rimas porque tería que torcer o texto e perder a delicadeza dos ritmos rosalianos. É moi difícil trasladar todo o que contén un poema de Rosalía de Castro e vertelo nas orellas de corpos non galegos. Pero podía facer versións en inglés que mostrasen a súa variedade, o seu uso da cultura popular para inventar e para respectar a xente, para destilar historias nun xesto rítmico e sonoro. Cando exploramos a súa poética, a conxunción de técnicas que usa Rosalía, vemos que é unha poesía moi, moi actual.
-¿Que lle pode contar Rosalía a un lector en inglés de hoxe?
-Que a voz de Rosalía sexa imprescindíbel na cultura galega non é razón suficiente para traducila ao inglés. Isto sería antropoloxía e eu non practico ese oficio. Traducina porque a súa voz é contemporánea, e explico isto na miña introdución. Cito a Jacques Rancière sobre a distribución do sensíbel, algo moi relevante. A obra de Rosalía ten un valor poético no mundo de hoxe.
-De Rosalía xa se publicaran catro antoloxías en inglés, pero aínda ningún libro completo...
-Os editores non se interesan moito por publicar libros de poetas estranxeiros... Ocorre o mesmo en todos os países. Durante moitos anos Pessoa sufriu isto, e García Lorca tamén.
-A obra de Rosalía interprétase dende distintas perspectivas. ¿Que opina desas lecturas?
-Encántanme e ensínanme algo. Pero tería que presentar o libro ao público anglófono por outras razóns: a importancia do seu discurso poético dende o punto de vista transeuropeo. Rosalía fixo algo que non fixeron outros poetas noutros idiomas, mesmo os poetas cunha simpatía moi grande para a xente ordinaria, pero que non escribiron como ela, non deron voz a esa xente como ela. A súa obra énos importante por razóns políticas (a súa maneira de deixar falar a xente, respectar a cultura popular, insistir que non é alleo da poesía culta) e por razóns estéticas.

Erín Moure escritora e tradutora

Nenhum comentário:

LA RECOMENDACIÓN DIARIA

  LA RECOMENDACIÓN DIARIA resistencia a los antimicrobianos , mejor que  resistencia antimicrobiana   Resistencia a los antimicrobianos , no...