Translate

sábado, 10 de agosto de 2013

ULISES





Galaxia publicará en outono a tradución galega do «Ulises»
Catro expertos completan a primeira versión íntegra en galego da novela
CAMILO FRANCO
Santiago / La Voz

Hai libros moito máis citados que lidos. Hai libros que, sen pasar do título, levantan discusións sen necesidade de aterse aos argumentos. No mundo laico, o Ulises de James Joyce é o campión deses títulos que parecen importar tanto polo carácter simbólico como polo literario. Este longo percorrido dun día polas rúas de Dublín terá versión en galego neste próximo outono, cando o publique a Editorial Galaxia logo de catro anos de traballo de tradución cun equipo de catro persoas.
O director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, sinala o carácter «simbólico» deste libro e a súa temprana relación coa cultura galega desde a tradución dalgúns fragmentos por Otero Pedrayo e os achegamentos ensaísticos de Vicente Risco.
«É unha novela cunha carga simbólica para a cultura universal e creo que tamén a ten para a nosa cultura», sinala Freixanes. Segundo o director xeral de Galaxia, a presentación de Ulises en galego vai acompañar a presentación «dunha nova etapa da editorial, con proxectos como Mar Maior, un selo para o mercado internacional e outras novidades relacionadas co mundo dixital e audiovisual».
Freixanes apunta que, ademais do carácter simbólico, están «as dificultades da tradución do libro, porque este é un proceso necesariamente longo e difícil». Son catro as persoas que firman a tradución das máis de mil páxinas da novela: Eva Almazán, Xavier Queipo, María Alonso Seisdedos e Antón Vialle. O director de Galaxia interpreta que o libro representa «a visión doutra xeración completamente diferente».
Vialle sinala que a tradución do Ulises «leva dez anos en marcha» pero mantivo ao longo dos anos e nos diferentes tradutores «a mesma filosofía». «Non queriamos facer unha tradución unicamente das palabras, senón que queriamos que o lector galego experimentase as mesmas sensacións e dificultades dun lector en inglés, e que as puidese resolver da mesma maneira», explica o tradutor.
No mesmo equipo de tradución traballou María Alonso Seisdedos, quen asegura que o Ulises «é unha novela para tolear, moi absorbente, que xa presenta dificultades para o lector inglés». Sinala que é un texto que «sempre levanta moita expectativas sobre o traballo de tradución». Antón Vialle cita tres entre as dificultades principais da tradución, unha primeira de contido: «É un libro erudito con referencias arreo á historia de Irlanda, a literatura mundial, ao simbolismo, á filosofía, á ciencia e ás crenzas, á relixión». A segunda «é un uso particular da lingua inglesa, que atribúe ás palabras un significado que non sempre coincide có adoito». Vialle explica que a terceira dificultade son «os frecuentes xogos de palabras e con palabras que forman parte da narración e non se pode pasar deles». Sinala que a intención dos tradutores foi «trasladalos ao galego sen perda significativa do significado orixinal ou do seu poder evocador».

Nenhum comentário:

LA RECOMENDACIÓN DIARIA

  LA RECOMENDACIÓN DIARIA resistencia a los antimicrobianos , mejor que  resistencia antimicrobiana   Resistencia a los antimicrobianos , no...