Translate

domingo, 3 de novembro de 2013

NÉLIDA PIÑÓN:













«A miña lingua vén do berce, do peito materno, da nai terra»
Piñon publica «Libro de horas», unha obra híbrida de vida e literatura
XESÚS FRAGA
Redacción / La Voz de Galicia - España


Nélida Piñon (Río de Janeiro, 1937) ofrece en Libro de horas (Alfaguara) unha obra que se fornece do vivido e do lido, unha narración híbrida e sensorial á que tampouco é allea a súa propia experiencia familiar e as súas raíces en Galicia, paisaxe vital e memorístico.
-Os escritores arman as súas historias a partir do que fabulan, o que lembran, o que escoitan, algo presente en «Libro de horas». ¿A suma de todo isto é a mirada literaria do autor?
-A fábula é inventar, levar afora o que se ten dentro. É tamén unha representación da existencia. Un legado que redimensiona o que pensamos. Ela lembra, escoita, garda a memoria do mundo. A fábula, con todo, que xulgamos ser a nosa vida, só nos narra pola metade. Non reproduce á perfección quen somos. No Libro de horas transcribo anacos meus e dos demais. Os outros, e mais eu, formamos un mosaico imperfecto, asimétrico. Empeñeime en deixar en cada páxina rastros meus, como quen deixa caer na fraga faragullas de pan que orienten aos que me queren ler. Estou feita de aventuras, de sentimentos, da resolución de ter vivido. Aloxo, entón, no libro, pormenores da miña vida como quen desenterra Troia só para saber que existiu de facto a cidade de Príamo. A cidade que desenterrei son eu mesma.
-Nas súas páxinas conviven os clásicos gregos con Clarice Lispector, Wagner, Villa-Lobos... ¿A percepción cultural borra as fronteiras do tempo e o espazo?
-O contido do libro insinúa que me sinto un aedo, os poetas da memoria que preservara Homero. Como eles, non quero esquecer, preciso entender as miñas circunstancias. Os autores que leo permiten que eu lles teste a febre da miña propia humanidade. De saber como pensan, como viviron. Estou certa de que sen a experiencia allea, o Libro de horas nacería empobrecido. A miña biografía é insuficiente. Non deixo de narrar as súas vidas e as miñas conxugadas. Así, son o outro.
-Hai unha presenza abondosa da primeira persoa...
-Falar en primeira persoa require audacia. Mais é unha opción natural. En tanto falo por min ou penso por min, incorporo aos demais á miña xenealoxía. Non ando sozinha polo mundo. Son múltipla, son moitas. A miña linguaxe reverbera, teño a memoria de todos na miña psique. O colectivo aféctame, está dentro da miña primeira persoa, que é unha experiencia dramática. Así cumpro un acordo, ao narrar a miña historia conto coa de todos. Reverencio aqueles cos que compartín vida.
-Di que fala en portugués con Deus. ¿Que ten cada lingua que a fai especial?
-As palabras son forxadas pola soidade e a carencia. Pola atracción do que nos humaniza. A elas agregamos a luminosidade do filtro poético. A miña lingua vén do berce, do peito materno. Das substancias que veñen da nai terra, Deméter. O portugués consente que eu diga o que preciso. Non importa se falo con Deus nesta lingua, mesmo porque el non me responde. Din que Carlos V falaba con Deus en español, lingua que aprendeu a partir dos 15 anos. Calquera lingua, porén, demostra a súa eficacia a través dos grandes clásicos. ¿Acaso Homero, Cervantes, Camões, Shakespeare, Machado de Assis, terían alcanzado a plenitude sen os recursos que as súas linguas lles ofreceron?
-E non faltan a súa familia galega, a paisaxe de Cotobade.
-A familia xurde imperativa no Libro de horas. Detrás dela, Galicia, España, o mundo ibérico, o Brasil. As peregrinacións habidas no mundo. Daniel, o avó, é un paradigma. Aventureiro, belo, chegou ao Brasil con 12 anos. Traía consigo a esperanza. Eu fixen o camiño contrario, cheguei cedo a España para imitar ao avó. Investiguei o Brasil a medida que levaba as vacas da avoa Isolina ao Pé da Múa, unha montaña de Cotobade que eu xulgaba ser o Himalaia. No Brasil e en Galicia vivín preciosas porcións da infancia, que fundamenta o adulto. A muller que son. Aínda hoxe as leccións da infancia son libertarias. Ínstanme a ousar máis aínda, agora que estou máis preto do fin. Repiten que a vida require riscos, soños e fracasos.
-Di que imaxinou Galicia antes de vela. ¿Temos os territorios míticos na cabeza antes que diante dos ollos?
-Gardo Galicia no nicho da memoria. Ao falar dela, teño os mitos comigo. Eles e a memoria aliméntanme. Non actualizo os mitos galego no afán de de tornalos contemporáneos. ¿Para que? Non os quero roqueiros, con farrapos que soan falsos. O mito non se actualiza. O núcleo mítico da miña Galicia esténdese alén das aldeas que amei. Así, cando menciono os hórreos, que enfeitan a paisaxe galega, digo como eran chamados na casa da avoa: canastra. Alguén me induciu ao erro, mais pouco importa. Vale levar estas visións galegas polo mundo, mesmo cando discurso sobre a contemporaneidade. Desde cedo sondei a través da familia cal foi o percorrido do inmigrante. Non me elude, non me agocha os seus segredos. Ao chegar a Vigo, meniña aínda, aquela terra pareceume inhóspita, fría, con mulleres que levaban un loito eterno. Mais cando cheguei á entrada de Borela, vin a ponte medieval e a capeliña. Padecín un asombro amoroso. Xurei que amaría aquela terra para sempre. É o que fago aínda hoxe.

Nenhum comentário:

LA RECOMENDACIÓN DIARIA

  LA RECOMENDACIÓN DIARIA resistencia a los antimicrobianos , mejor que  resistencia antimicrobiana   Resistencia a los antimicrobianos , no...